Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta presenta aos axentes do sector turístico “Turespazo”, a canle dixital única para a xestión online da súa información administrativa e promocional


Permitirá que os establecementos turísticos galegos actualicen telemáticamente a información promocional que se publica en toda a rede de portais e aplicacións de Turismo

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuníronse hoxe en Santiago coa xunta directiva do Clúster de Turismo de Galicia para presentarlles Turespazo, a extranet que ofrece aos profesionais e empresarios do sector un único punto de acceso para a autoxestión online da súa información administrativa e promocional.

Turespazo é unha das iniciativas do Plan Smart Turismo que a Xunta puxo en marcha o pasado ano para impulsar a modernización tecnolóxica dun sector estratéxico da economía galega. A entrada en funcionamento desta canle dixital aforrará tempo e recursos aos profesionais do sector, ademais de optimizar a súa relación coa Administración e mellorar a oferta turística a través da Rede.

A xuntanza de hoxe ten como obxectivo identificar os establecementos piloto nos que se probará Turespazo. Tras o período de pilotaxe, elaborarse un plan conxunto co sector para o seu despregamento así como un plan de formación e soporte aos profesionais.

Funcionalidades
Turespazo estará dispoñible a través do portal de Turismo e o profesional ou empresario, previa identificación, accederá aos datos oficiais e promocionais que a Administración ten sobre o seu negocio e poderá modificalos. Turespazo está integrado coa sede electrónica da Xunta para facilitar cambios na información de índole administrativa así como a realización dalgún dos preto de 30 trámites que a Xunta ten dispoñibles para o sector.

A través de Turespazo os profesionais e empresarios poderán modificar tamén datos promocionais relativos aos seus establecementos e negocios, que se actualizarán automáticamente na rede portais e aplicacións e soportes de Turismo, facilitándolle ao usuario final unha información de calidade en tempo real.

Turismo vén potenciando nos últimos anos a difusión na Rede da oferta turística da Comunidade. En 2015 o portal Turismo.gal recibiu máis de 3 millóns de visitas e as aplicacións institucionais Sendegal, Recursos Turísticos, Enoturismo e Bono Iacobus, acumularon máis de 12.500 descargas. As canles de Turismo en redes sociais superan os 150.000 seguidores. A información online hai que engadir publicación de material informativo como os máis de 600.000 folletos e mapas que Turismo distribuíu o pasado ano.

Turespazo, está concibido como un espazo de contribución e participación entre o sector e a Administración, que irá incorporando novas funcionalidades como a publicación de ofertas e promocións individualizadas de cada establecemento; ou a posibilidade de coñecer os movementos e fluxos dos turistas para que os establecementos poidan adaptar e xerar ofertas persoalizadas.

Plan SmarTurismo
O Plan Smart Turismo é a folla de ruta que establece a Axenda Dixital de Galicia 2020 para transformar o turismo tradicional en turismo intelixente da man da tecnoloxía. Un plan a cinco anos, dotado con 10 millóns de euros, para modernizar un sector, que supón o 10,6% do PIB galego e que representa o 11,2% do total do emprego na Comunidade.

A día de hoxe o Plan xa ten en marcha súa peza central, o Rexistro de Información Turística de Galicia (RITGA), un repositorio único de información turística co que xa traballan os empregados da administración pública.

A cara visible desta plataforma para os profesionais do sector é a extranet, Turespazo, que se presenta hoxe ao sector.

No primeiro trimestre do ano está prevista a posta en marcha doutras dúas iniciativas dos plan: a publicación dos novos portais de turismo de galicia, Turismo.gal e do Camiño de Santiago, caminodesantiago.gal xunto coa app do Camiño para que os peregrinos poidan recibir información en tempo real a medida que avanzan cara Compostela.